Thursday 16 de May de 2024

Moeche inicia as obras da nova rede de saneamento en Mil de Abaixo


 

Comeza a construción do novo saneamento de Mil de Abaixo (Abade) tras a sinatura do contrato con Construcciones J. Manuel Piñeiro Lopez, S.L., empresa que resultou adxudicataria no proceso de licitación por procedemento aberto por importe de 108.174,00€. Antes do inicio do período de Nadal déronse xa os primeiros pasos, entre eles a remisión do estudo arqueolóxico inicial da zona que afecta á depuradora. Tras recibir a preceptiva aprobación e facer o acopio de material, a adxudicataria empezará a traballar esta mesma semana.

Oito empresas presentaron ofertas por diversos importes para unha licitación por valor de 150.000 euros. Dúas delas entraron no que se denomina “baixa temeraria” ou, o que é o mesmo, unha proposta económica anormalmente baixa que debeu ser xustificada perante a Mesa de Contratación. Finalmente, e de acordo cos informes técnicos, o organismo de contratación non as admitiu e a adxudicación recaeu en Construcciones J. Manuel Piñeiro S.L. por 108.174,00€.

A obra supón a instalación de arredor dun quilómetro de conducións soterradas e a construción dunha pequena depuradora con capacidade para atender 200 vivendas, ademais da conexión á nova rede da canalización existente desde hai dúas décadas en Leboreiro e Mil de Arriba. Deste xeito, a zona máis poboada da parroquia – a situada á beira da estrada de Ortigueira- contará por fin cun sistema de tratamento integral para as augas residuais.

A rede de tubaxes discorrerá ao longo de 1.026 metros e levará 27 pozos de rexistro. No cabo da rede tamén contará cunha depuradora pechada que se construirá nunha parcela cedida gratuitamente por Albino Suárez e de Gloria López, dous veciños da parroquia.

Os traballos fináncianse cunha achega económica do POS+ provincial 2018. O procedemento de contratación realizouno Deputación da Coruña, a través da Plataforma de Contratación do Estado, tras terlle solicitado o Concello o seu apoio no procedemento a causa da ausencia naquel momento do persoal técnico municipal.

Esta infraestrutura sanitaria vén cumprir unha demanda histórica da parroquia e súmase á construción doutra rede similar de menor tamaño na zona do Empalme, na parroquia de San Ramón, e á renovación do saneamento na zona do Castelo executada en 2017, proxectos todos eles que permiten avanzar na ampliación e mellora da rede de saneamento municipal.